Macron rodéase de antigos aliados de Sarkozy nun Goberno con algúns ministros controvertidos

O feminismo francés non dixeriu algúns nomeamentos do novo Goberno, que este martes celebrou o seu primeiro Consello de Ministros e ante cuxa porta se congregaron algunhas activistas para mostrar o seu descontento. No seu punto de mira, dúas figuras: o novo titular de Interior, Gérald Darmanin, sobre quen pesa unha acusación de violación, e o de Xustiza, o mediático avogado Éric Dupont-Moretti, que con frecuencia se pronuncia contra o movemento MeToo.
Darmanin, un político procedente da dereita, designado por moitos como o herdeiro de Nicolas Sarkozy, sempre negou esas acusacións e, ademais, presentou unha denuncia por calumnias contra a demandante. A acusación saltou á luz en xaneiro de 2018, cando Darmanin era ministro de Facenda. A Fiscalía abriu unha investigación despois de que unha cidadá denunciara que fora violada no cuarto dun hotel en 2009.
Entón, o xove político, que agora ten 37 anos, tiña un cargo no partido de Sarkozy e segundo a denunciante convidouna ao hotel a cambio dun favor político. Alí violouna, segundo unha denuncia que inclúe algunhas mensaxes telefónicas do agora ministro. Nunha desas mensaxes, a denunciante escribe: "Canto esforzo me custou foder contigo para que te ocupases do meu caso", ao que o agora ministro respondeu: "Tes razón, sen dúbida son un sucio imbécil. Como podo facer que me perdoes?".
Ao novo ministro do Interior tamén lle volveron outras pantasmas do pasado. En concreto, antigas mensaxes de Twitter en que se mostraba contrario ao matrimonio homosexual. Datan da época en que era un fervente opositor ao Goberno do socialista François Hollande, que aprobou o matrimonio gai, e do que formou parte Macron como ministro de Economía. Posteriormente, Darmanin mostrouse máis favorable a ese tipo de vodas.
Tampouco gustou aos colectivos feministas o nomeamento de Dupont-Moretti. O novo ministro de Xustiza é coñecido no país por defender xihadistas, a Julien Assange, ou políticos corruptos, pero tamén polas súas declaracións polémicas, entre elas algunhas críticas moi fortes ás feministas e ao movemento MeToo. Sendo avogado aseguraba hai uns meses que "algunhas mulleres botan de menos que lles asubíen" ao pasar pola rúa, no medio de todo o movemento que denunciaba os casos de machismo social.
Dupont-Moretti relativizou algunhas acusacións de violación no seu papel de avogado defensor e saíu en defensa do ex-director do Fondo Monetario Internacional (FMI) Dominique Strauss- Khan, acusado de proxenetismo ao participar en orxías con prostitutas en Lille. "Non son máis que uns amigos que se divertían", asegurou o letrado.
O novo gabinete integra varios dos seus máis fieis de Sarkozy,seguidores descontentos co rumbo dos Republicanos, o seu partido, que rexeitou o ex-presidente nas primarias de 2016. Agora atoparon acomodo xunto ao actual inquilino do Elísio. O caso máis paradigmático é o do novo primeiro ministro francés, Jean Castex, quen traballou de xeito conxunto xunto a Sarkozy no tramo final do seu mandato e que o primeiro que fixo nada máis ser nomeado por Macron foi chamar o seu antigo xefe.