CRTVG

Buscar

Macron garante que "ningunha empresa será abandonada" co seu paquete de medidas económicas contra o coronavirus

Publicado o 17/03/2020 08:36
Macron garante que "ningunha empresa será abandonada" co seu paquete de medidas económicas contra o coronavirus

A creación dun fondo de solidariedade para axudar os empresarios, a posta en marcha dun dispositivo excepcional de aprazamento das cargas sociais e fiscais e unha garantía do Estado de 300.000 millóns de euros para os préstamos bancarios contraídos polas pequenas e medianas empresas son as tres principais medidas en materia económica do plan contra a expansión do coronavirus en Francia. 

O presidente francés Emmanuel Macron, nunha alocución televisada, explicou que "estamos en guerra" contra o coronavirus e que "ningunha empresa vai ser abandonada ao risco de quebra".

Igualmente, anunciou que se vai suspender o pago de impostos e cotizacións sociais, das facturas de auga, luz e gas,así como os alugueres. Non quedou claro se isto último será de aplicación ás empresas ou a toda a poboación.

Ademais, quedan paralizadas todas as reformas en trámite, incluída a polémica e protestada reforma das pensións.

Agora, o goberno deberá concretar este paquete de emerxencia.

En canto ás medidas de protección, Francia mobilizará ao seu exército para garantir as restricións de movementos, porque os desprazamentos só serán posibles para buscar alimentos, ir ao médico ou ao traballo. Macron confirmou tamén o peche de fronteiras exteriores do espazo Schengen durante 30 días.

A segunda volta das eleccións municipais, que estaba prevista para o 22 de marzo, queda adiada.