CRTVG

Buscar

Macron anuncia melloras sociais para frear os chalecos amarelos

Publicado o 26/04/2019 08:10

O presidente francés recoñece erros nas súas políticas sociais e anuncia varias medidas para afrontar a crise dos chalecos amarelos. Macron notificou unha baixada de impostos ás clases medias e baixas e asume ligar as pensións á suba do prezo da vida. Di que continuará coas reformas previstas pero escoitando máis o malestar e a sensación de inxustiza que se sente na rúa.

Nunha concorridísima e pouco habitual conferencia de prensa no Elíseo, Macron admite erros e rectifica políticas. Cando faltan cinco días para o 1 de maio, a tradicional xornada de reivindicacións dos traballadores, comparece para anunciar unha baixada do IRPF ás clases medias e baixas e para notificar que ligará a suba de todas as pensións inferiores aos 2.000 euros ao incremento do prezo da vida.

O presidente francés tenta aplacar a rúa tras meses de durísimas protestas dos denominados chalecos amarelos, un movemento que comezou polo rexeitamento á suba dos carburantes e que é hoxe unha emenda á totalidade das políticas de Macron. Entre as causas da insatisfacción tras os anuncios de onte está a negativa do presidente a algunhas das principais reivindicacións dos manifestantes, como a reintrodución do imposto sobre as fortunas, ou tamén as reticencias do presidente a rexeitar a implantación dun Referendo de Iniciativa Cidadá. Di Macron que non cre na república do referendo permanente.

Con todo, si se amosou disposto á supresión da Escola Nacional da Administración, que é considerada o berce das elites do país. Son medidas que Macron xa tiña previsto anunciar o pasado 15 de abril, nun discurso que tivo que ser cancelado polo incendio de Notre Dame e que recolle algunhas, non todas, as propostas dun debate nacional que, a iniciativa do propio presidente, escoitou demandas e reivindicacións por todo o territorio francés.

Noticias web

26/04/2019