CRTVG

Buscar

Macri, investido presidente

Publicado o 10/12/2015 19:41

Macri fixo un chamamento a unidade do país para poder crecer e prometeu ser implacable coa corrupción (Foto: Reuters)

O conservador Mauricio Macri xa é oficialmente o novo presidente da Arxentina tras xurar o cargo no Congreso sen a asistencia de Cristina Fernández nin de boa parte dos lexisladores opositores. No seu primeiro discurso como presidente, Macri asegurou que será implacable coa corrupción, e que unir a todos os arxentinos será un dos obxectivos do seu goberno.

Xa é oficial. Mauricio Macri é o presidente da Arxentina tras xurar o cargo na Asamblea Lexislativa coa gran ausencia de Cristina Fernández, exmandataria do país austral dende esta medianoite por decisión xudicial. 

No seu primeiro discurso como xefe do Estado, Macri convocou a tódalas forzas políticas a aprender o arte do acordo e dixo que será implacable coa corrupción. 

"Voy a ser implacable con todos aquellos de cualquier partido o filiación política, sean propios o ajenos, que dejen de cumplir lo que señala la ley hoy", dixo Macri no seu discurso.

Xunto á súa familia e arroupado por unha marea de simpatizantes Macri dirixiuse ata a Casa Rosada para recibir os atributos presidenciais fronte a unha ampla representación de delegacións internacionais. 

O novo xefe do Estado recibiu o bastón de mando realizado polo orfebre de ascendencia galega Juan Carlos Pallarols e a banda, e non dubidou en saír ós balcóns da Casa Rosada para dicir ós arxentinos que está listo para comezar a traballar.  

Macri e o seu equipo de goberno teñen por diante moitos desafíos, na súa maioría económicos. Pero tamén cumprir tres das súas principais promesas electorais: combater a probreza o narcotráfico e a inseguridade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/12/2015