CRTVG

Buscar

Macri gaña as eleccións na Arxentina

Publicado o 23/11/2015 20:48

O novo presidente xa anunciou que vai pedir que se exclúa Venezuela do cumio do Mercosur. Mauricio Macri púxolle punto final a 12 anos de kirchnerismo

Primeiras reaccións na Arxentina ó triunfo nas urnas do conservador Mauricio Macri. A bolsa de Bos Aires abriu cunha suba do 2,45% tras os comicios. O novo presidente electo compareceu hoxe para anunciar que combater a inseguridade e o narcotráfico serán prioridade absoluta no seu mandato.

A economía é outro dos focos para o conservador, que calificou de erro o cepo cambiario existente no país e anunciou que promoverá un tipo de cambio único e a reactivación da inversión. Macri designará un gabinete económico con seis ministros para analizar dende xa a situación real da Arxentina.

"A Arxentina non ten un sistema de información crible e confiable. Necesitamos saber cal é o estado real das contas públicas, cal é o estado real do Banco Central", Maurixio Macri.

O actual xefe de Gabinete arxentino, Aníbal Fernández, recoñeceu a derrota oficialista, aínda que remarcou a nimia diferenza. "Só 700.000 votos de diferenza mostran que ninguén quixo sacar a ninguén. Estamos en igualdade de condicións. Por suposto, un gaña e hai que recoñecelo con respecto, con seriedade e cos mellores desexos". 

Esta tarde está previsto que o rival de Macri nas urnas, Daniel Scioli, se reúna coa xefa do Estado arxentino, Cristina Fernández.

A inédita segunda volta das presidenciais arxentinas deixa tamén outra situación histórica. Por primeira vez, unha mesma forza política electa gobernará ó mesmo tempo a capital do país, a provincia de Bos Aires e a presidencia da nación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/11/2015