CRTVG

Buscar

Bos días

Macri fai un chamamento á unidade na Arxentina o día en que toma posesión do cargo

Publicado o 11/12/2015 09:34
Os ministros do novo goberno da Arxentina tomaron xa posesión do seu cargo. Fixérono despois de que Mauricio Macri asumira a presidencia do país. Agárdase que nas vindeiras horas o novo equipo presente as primeiras medidas do seu mandato.

A colectividade galega residente na Arxentina recibe a Macri con esperanza e optimismo e agarda que o cambio traia traballo e oportunidades para os arxentinos.










Mauricio Macri tomou posesión como presidente nunha xornada festiva na que chamou á unidade dos arxentinos e revalidou as súas promesas de erradicar o narcotráfico, a pobreza e a corrupción.

Xa pola tarde asumiu o goberno o gabinete do novo xefe do Estado, onde destacou o titular de Facenda, Alfonso Prat-Gay, asiduo do Centro Lalín de Bos Aires, quen esqueceu asinar o cargo.

Entre os nomeados, un galego: O novo ministro de saúde, Jorge Lemus, moi vinculado á colectividade.

Os galegos emigrados a Bos Aires mostran expectación e optimismo ante o cambio.

"Novidade non vai haber ningunha. Nada máis que haxa traballo e que todos sexan libres para facer o que queiran dentro da lei", di un galego emigrado ao país. "Nos 60 anos que levo na Arxentina sempre vin un país que carreteou, nunca levantou voo e este cambio creo que é unha esperanza para a República Arxentina", conta outro.

Macri pechou a súa primeira xornada como presidente cunha gala no teatro Colón de Bos Aires.

Este venres, a axenda do novo xefe de Estado arxentino mantén o ritmo frenético. Está previsto que se reúna cos outros excandidatos presidenciais, cos gobernadores provinciais, e tamén que presenten as novas medidas.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

11/12/2015