CRTVG

Buscar

Dimite o secretario provincial do PSdeG de Lugo no medio das disputas pola presidencia da Deputación

Publicado o 17/06/2019 20:57

Dimite a executiva do Partido Socialista na provincia de Lugo co seu responsable á cabeza. Álvaro Santos cargou contra Gonzalo Caballero. Acusouno de promover a confrontación e a división. O partido quedará en mans dunha xestora, nun momento de división polas disputas para presidir a Deputación.

Ano e medio despois, Álvaro Santos abandona a secretaría provincial do PSOE en Lugo e faino porque non quere ser cómplice, dixo, da estratexia de división e confrontación que, ao seu xuízo, promove a executiva galega.

Santos di que Gonzalo Caballero non o atendeu para tentar reconducir a crise aberta no partido en Lugo polas aspiracións do monfortino José Tomé de apartar a Darío Campos da presidencia da Deputación. O líder do PSdeG, pouco antes de coñecer a renuncia de Santos, falaba de evitar debates estériles.

Na súa despedida apoiou de novo a Darío Campos como candidato á presidencia da Deputación, unha opición que se complica toda vez que a dirección do PSdeG deberá nomear unha xestora que será a que pilote a elección de deputados provinciais.

Campos declara no xulgado
Precisamente, o presidente en funcións da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, comparecía hoxe como investigado no xulgado de Mondoñedo por un presunto delito de prevaricación administrativa. Campos, como alcalde da Pontenova, foi denunciado por un veciño por denegarlle a licenza para unha obra de saneamento. Segundo di, está tranquilo, e tomou esa decisión baseándose en informes técnicos. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019