CRTVG

Buscar

Luz verde para un novo tramo do AVE, que reducirá a duración da viaxe a Madrid

Publicado o 21/10/2020 21:21

• Renfe incrementa os prezos nunha media do 5 % e crea novas ligazóns

Renfe estreará o vindeiro martes 27 de outubro un novo servizo entre Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago e Madrid, ao mesmo tempo que recortará o tempo de viaxe dos seus trens Alvia cara a Madrid debido á posta en servizo do tramo de alta velocidade entre Zamora e Pedralba da Pradería.

Este novo tramo, de 110 quilómetros, conta co visto e prace da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, organismo que evita que haxa desaxustes na liña ou posibles accidentes, e reducirá o tempo de viaxe cara á capital española desde todas as capitais galegas:

· O tramo Madrid-Pontevedra reducirase nunha hora e 26 minutos

· Madrid-Lugo nunha hora e dous minutos

· Madrid-Santiago en 41 minutos

· Madrid-Ourense en 39 minutos

· Madrid-Vigo en 31 minutos

· Madrid-A Coruña en 24 minutos

Segundo asegura o operador público ferroviario, desde o ano 2016 non se acurtaban os tempos nesta relación, cando, froito da estrea do tramo Olmedo-Zamora, se reduciron de media entre 25 e 30 minutos, dependendo do traxecto.

Incremento nos prezos dos billetes

No entanto, os prezos veranse incrementados nunha media do 5% sobre a tarifa xeral, co fin de adaptalos ás novas condicións da infraestrutura pola que operan os trens, aínda que Renfe avanza que seguirá ofrecendo prazas promocionais con descontos que van do 30% ao 70%.

Novas ligazóns

Ademais da redución de tempos de viaxe, Renfe tamén incrementou os servizos até oito, catro por sentido, coa creación dunha nova conexión entre Madrid-Santiago-Pontevedra e viceversa, que supón que Vilagarcía de Arousa conte desde este momento cun tren Alvia directo con orixe ou destino en Madrid.

Para aproveitar as sinerxías dos tempos de viaxe e os servizos directos, a compañía creou ligazóns ás diferentes orixes e destinos mediante trens de Media Distancia ou Avant que enlazan cos trens Alvia en Ourense e Santiago.

Así, a partir do día 27, A Coruña e Lugo contarán cunha ligazón e amplíase a oferta con seis novos servizos nas liñas Santiago-A Coruña, Santiago-Vigo e Ourense-Lugo e a de Vigo-A Coruña amplía os días de circulación aos sábados e domingos.

Por último, debido ás obras da nova estación de Sanabria AV, que substituirá á actual estación de Poboa de Sanabria, Renfe establecerá, até a finalización dos traballos, un plan alternativo por estrada desde e ata a estación da Gudiña para os viaxeiros de Poboa de Sanabria.

Noticias web

21/10/2020