Luz verde a un novo acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos
A Confederación Española de Pesca celebra que o Parlamento Europeo aprobara, por ampla maioría, renovar o acordo de pesca entre a Unión e Marrocos. Uns cento trinta barcos comunitarios, dos que noventa son españois, poderán volver traballar en augas do caladoiro Atlántico de Marrocos e do Sáhara Occidental, previsiblemente, antes do verán.
Unha media ducia de embarcacións galegas, xunto a máis dun cento de barcos de varios estados membros levaban desde xullo sen pescar en Marrocos. Agora poderán volver, en principio, dentro duns cinco meses, porque o Parlamento Europeo aprobou renovar o acordo pesqueiro con Marrocos.
Rabat recibirá uns 50 millóns de euros ao ano a cambio de deixar a frota comunitaria pescar en augas de Marrocos e do Sáhara Occidental. Un territorio que, segundo o dereito internacional, non pertence a Marrocos e que foi tema de conflito na Eurocámara. Os eurodeputados rexeitaron preguntarlle ao Tribunal de Xustiza da Unión pola legalidade de incluír esas augas saharauís no tratado.