CRTVG

Buscar

Luz verde á primeira universidade privada de Galicia

Publicado o 13/07/2021 16:57

Galicia conta desde hoxe coa súa primeira universidade privada. Ata agora era unha das 5 comunidades que só tiña centros públicos.

O Parlamento galego aprobou a lei que vai permitir a súa posta en marcha. A Universidade Intercontinental da Empresa está impulsada pola Fundación Abanca e ten o visto e prace do Ministerio de Universidades.

A lei contou co voto favorable do Grupo Popular e a oposición votou en contra. Os socialistas non ven necesaria esta iniciativa e o BNG está radicalmente en contra porque di que non todos poderán acceder.

No PP destacan que as 3 universidades públicas seguirán contando co mesmo apoio financeiro por parte da Xunta.

A Universidade Intercontinental da Empresa, impulsada pola Fundación Abanca, será a primeira universidade privada de Galicia. Nun principio contará cunha facultade de Administración de Empresas e Dereito e cun instituto universitario de investigación. A sede estará en Santiago de Compostela e os campus na Coruña e en Vigo.

A lei establece que deberá garantir o mantemento da actividade durante o tempo necesario para que os alumnos consigan os obxectivos académicos. Tamén contará cun sistema propio de bolsas e axudas ao que deberá destinar o 15% dos ingresos anuais.

Amais o centro terá financiamento exclusivamente privado, polo que non afectará en nada os cartos que a Xunta dedica ás tres universidades públicas.

Galicia era unha das poucas comunidades sen universidade privada. Asturias, as illas Baleares, Castela-A Mancha e Estremadura son as únicas que non contan con unha. A futura universidade privada xa ten o visto e prace do Ministerio de Educación.

Noticias web

13/07/2021