CRTVG

Buscar

Luz na Toxa sobre os debates globais do momento

Publicado o 03/10/2019 20:10

Un ex-político e un catedratico de Harvard conversando sobre a vixencia da democracia liberal. Josep Piqué e Steve Pinker marcaron o ton do que quere ser o foro da Toxa, un espazo de debate sobre retos que atinguen a todo o espazo atlántico, pero tamén máis aló. Por exemplo, o impacto da chamada cuarta revolución industrial, ou, dito doutro xeito, o temor a que as máquinas nos quiten o traballo. Asunto ao que Antón Costas cre que lle sobra fatalismo.

Antón Costas, catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, cre que "a pregunta non é que tipo de empregos van ser destruídos por estas novas tecnoloxías, senón como aproveitamos esas novas tecnoloxías para darlles maiores coñecementos e capacidades aos traballadores de tal forma que aumenten a súa produtividade e mellores salarios".

Vaise falar estes días moito dos vínculos atlánticos, lazos que o fenómeno Trump está pondo en crise, segundo o director do Real Instituto Elcano. Lamo de Espinosa propón isto. Emilio Lamo de Espinosa, presidente do Real Instituto Elcano, opina que "un modo de reforzar o atlantismo é incorporar moito máis a América Latina a un espazo atlántico do que estivo sempre ausente. Non ten sentido, por exemplo, que na Organización do Tratado do Atlántico Norte estea Turquía pero non estea México"

E cun ex-ministro dirixindo as xornadas, falar do 10-N parecía inevitable. Siglas e fórmulas á parte, Piqué expresaba só un desexo. Josep Piqué, ex-ministro e presidente do Foro A Toxa, pensa que "debería ser un goberno que saiba moi ben cales son as súas obrigas como membro da Unión Europea, da unión económica e monetaria e como membro dese mundo que chamamos occidental e que supón a defensa dun conxunto de valores".

O brexit, as migracións, os populismos, o big data, grandes asuntos do noso tempo que ata o sábado se diseccionan na Toxa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2019