CRTVG

Buscar

Lula da Silva pasa o seu primeiro día en liberdade tras estar un ano e sete meses no cárcere

Publicado o 09/11/2019 14:59

O ex-presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, reúnese este sábado coa súa militancia en San Bernardo do Campo, o seu berce político, no seu primeiro día en liberdade despois de estar 1 ano e 7 meses no cárcere. Onte saía de prisión arroupado por familiares e unha multitude de seguidores e militantes que celebraba a súa excarceración. Lula ten varias causas pendentes coa xustiza e dúas condenas por corrupción, suborno e branqueo.

Lula da Silva deixaba este venres o cárcere tras pasar 580 días preso.
Beneficiado por unha sentenza deste xoves do Tribunal Supremo que declaraba inconstitucional permanecer en prisión mentres unha sentenza non sexa firme... e non se esgoten todos os recursos.

Lula ingresaba en prisión o 7 de abril de 2018 e agora recorrerá, en liberdade, contra unha condena a 8 anos e 10 meses por corrupción pasiva, recibir subornos de empresas e branqueo de diñeiro. Noutro caso similar foi condenado a 11 de anos de prisión e ten varias causas pendentes coa xustiza.
Un emocionado Lula, nas inmediacións das instalacións nas que estivo encarcerado, dedicou as súas primeiras palabras a agradecer o apoio dos militantes que durante un ano e 7 meses acamparon ás portas da Policía Federal en sinal de solidaridade e a denunciar a corrupción.
Luiz Inácio Lula da Silva: "Nunca pensei en poder estar hoxe aquí" "Necesitaba resistir para loitar contra o lado poder do Estado, da Policía Federal, do Ministerio Público, da Xustiza. Traballaron para criminalizar a esquerda, o Partido dos Traballadores e a Lula", dixo.
Os seus seguidores festexaron con grande alegría na rúa a súa posta en liberdade...
"Lula libre!", dicían
A esquerda latinoamericana celebrou a través de Twitter de xeito unánime a saída do ex-presidente do Brasil. Desde Nicolás Maduro ao presidente electo da Arxentina, Alberto Fernández, e a futura vicepresidenta Cristina Fernández . Tamén desde os Estados Unidos, o aspirante demócrata á Casa Branca, Bernie Sanders, afirmaba que "Como presidente, Lula fixo máis que cualqera para diminuír a pobreza no Brasil e defender os traballadores".
 

Noticias web

09/11/2019