CRTVG

Buscar

Luís Villares non será candidato á presidencia da Xunta e deixa a política

Publicado o 19/02/2020 21:19

O portavoz de En Marea, Luís Villares, anunciou este mércores que non concorrerá ás eleccións primarias do seu partido para elixir candidato á presidencia da Xunta e, por tanto, dá un paso atrás na primeira liña política e volve á xudicatura.

"Deixo a política e volvo ao meu posto de traballo", confirmou Villares, que pediu unha excedencia no verán de 2016 do seu posto como maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para ser daquela o cabeza de cartel do partido instrumental En Marea.

Despois de que o proxecto que el lideraba conseguira en 2016 ser a forza da esquerda máis votada, unha lexislatura máis tarde decidiu dar un paso atrás acreditando, dixo, visiblemente emocionado e mesmo por momentos choroso, que el veu "a facer política e non a ser político. Non vin a perpetuarme en ningún posto".

Nunha conferencia de prensa chea de críticas ás cúpulas de Podemos, Anova e Esquerda Unida, confesou que durante estes catro anos á fronte de En Marea sentiu que a chamada coa que os dirixentes deses partidos recorreron a el para representar o proxecto de unidade popular no verán de 2016 foi "unha trampa" porque resultou, ao seu entender, unha "escusa" para que "algúns puidesen facer o de sempre".

Rememorou Villares a súa chegada á política no verán de 2016 cando o chamaron para participar nun proxecto "plural", que, con todo, non foi tal.

"As cúpulas impediron desde o primeiro momento que esa alternativa cidadá de base florecese plenamente", certificou.

Ao longo deste tempo sentiuse "un bicho raro" e un "intruso" por preocuparse "máis polos de fóra que polos intereses da organización", e esa decisión pagouna cara debido a que, ao seu xuízo, tanto a "inocencia como a ética páganse caras en política".

"Por esa razón, e dígoo con pesar, estamos na mesma casa que hai catro anos", ante unha "desbocada carreira polo de sempre, por unha cadeira de brazos", porque as diferenzas entre as distintas correntes que conforman o denominado rupturismo, nunca son programáticas, senón de liderados.

"Chamáronmem, e alí fun, sen preguntar máis", e admitiu que ao longo destes case catro anos se viu tentado a abandonar a política e non o fixo por "responsabilidade" coas máis de 270.000 persoas que confiaron nel nos comicios autonómicos de 2016 atendendo ás promesas coas que concorreu En Marea ás eleccións.

Agora, aínda que admite a súa "parte de responsabilidade" no fracaso do proxecto, séntese "apenado e frustrado por non cumprir con ese encargo cidadán" que lle outorgou a sociedade galega co ánimo de cambiar as cousas.

Con todo, e a pesar das críticas profesadas aos partidos motores da confluencia, Villares considerou que el aínda cre que hai unha posibilidade de chegar a unha candidatura unitaria, "aínda é posible se a xente deixase de mirar o seu embigo".

Para Villares, Galicia aínda necesita que as forzas progresistas cheguen a un acordo entre iguais que permita desbancar o PP do Goberno galego.

O futuro de En Marea está agora no aire. No seo da formación decidirán se continúan coas primarias en marcha e concorren ás eleccións en solitario ou no marco dunha coalición. 

A traxectoria política de Villares

Luís Villares era un maxistrado de 38 anos cando, no verán de 2016, aceptou liderar En Marea, unha coalición que inicialmente agrupaba Podemos, Esquerda Unida e Anova.
O partido buscaba un candidato á presidencia da Xunta que fose independente, sen pasado político e que puidese aglutinar todas as correntes.

A aposta saíu ben. Nas autonómicas daquel ano, En Marea foi a forza de esquerda máis votada, e Villares converteuse no líder da oposición no Parlamento galego.

Pero o que empezou con éxito foise torcendo polo camiño, e saltou polos aires nesa mesma lexislatura. As costuras do grupo parlamentario, que tiña 14 deputados, fóronse rompendo, e Luís Villares chegou a confesar a posteriori que sentía que tiña o inimigo na casa.

Tras varios episodios de desencontros que evidenciaron a fenda entre Villares e tres deputados afíns fronte ao resto, o grupo de confluencia rompeu definitivamente en xuño do ano pasado.

Luís Villares e os seus tres compañeiros fieis foron ao Grupo Mixto. Pero este desgaste, ás portas dunhas novas eleccións autonómicas, pasoulle factura ao maxistrado, que a pouco máis dun mes das eleccións retoma a toga e deixa a carreira política.

Os partidos agradécenlle o seu traballo

O presidente do PPdeG de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou este mércores o seu respecto ante o anuncio do portavoz de En Marea, Luís Villares, de abandonar a vida política para retornar a carreira xudicial, aínda que considerou que "tivo máis inimigos dentro que fóra" da política.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou "o compromiso e traballo" do portavoz de En Marea, Luís Villares. "Deséxolle os mellores éxitos no camiño persoal e profesional que queira iniciar", manifestou o socialista, que asegurou ter unha "relación fluída, cordial e cómoda" co maxistrado. 

 A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, desexou "o mellor" e "sorte" a Luís Villares, pero defendeu, ante o que pode significar para o cambio do panorama político, que a forza "á alza" é o Bloque, polo seu proxecto "serio".

A secretaria xeral de Esquerda Unida e candidata á Xunta por esta formación segue apostando por unha candidatura unitaria integrada por Unidas Podemos, Esquerda Unida e Anova. Eva Solla amosouse esperanzada en que esta coalición prospere e asegura que a marcha de Villares non afecta ás negociacións que estaban mantendo.