CRTVG

Buscar

Luís Villares: "Estamos dispostos a entendernos coas forzas de esquerdas, se non é antes será despois das eleccións"

Publicado o 14/01/2020 10:40

Luís Villares nunha entrevista este martes no 'Bos días' defendeu a vitalidade da súa formación e dixo que "En Marea é a única forza política sen ataduras".

Villares asegurou que celebran que haxa un Goberno en "plenitude e progresista", e afirmou que a súa primeira tarefa debe ser a elaboración de orzamentos, "que nos gustaría que fosen maiores". 

O líder de En Marera tamén defendeu que desde o novo Goberno que hoxe se estrea "se ocupe da transición ecolóxica xusta".

Luís Villares preferiu non comentar a posibilidade de que a súa formación poida sumar un novo deputado no Parlamento, se Manuel Lago deixa a súa acta para incorporarse ao equipo de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo. En concreto, sobre as palabras da deputada do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, que cualificou esa posibilidade como un "atraco", dixo "descualifícanse por si soas".

O que si dixo é que neste momento o seu grupo ten cinco depuados e "o Grupo Mixto está pensado para unha situación que non é a actual, é un grupo compacto e pediremos grupo propio cando se produza a remuda".

A medio prazo, a vista de En Marea está posta nas próximas eleccións galegas. Villares dixo que "Feijóo esperará a ver que pasa e esperará do Goberno español que non cumpra co que se espera del. Pero, a pouco que faga, será máis do que fixo o sexenio de Mariano Rajoy".

De cara a eses comicios, o líder de En Marea dixo que a súa formación representa "un proxecto amplo e inclusivo dentro do progresismo". Contemplan a posibilidade de concentrar o voto con outras forzas, pero tamén dixo que "iso é secundario. Trasladaremos as nosas propostas e farémolo en alianza ou en solitario".

Villares asegurou que "estamos dispostos a entendernos coas forzas de esquerdas, se non é antes será despois das eleccións. Ten que haber un entendemento con todas as forzas progresistas para propiciar un goberno progresista, e por nós non vai quedar que haxa unha alternativa a Feijóo".

 

 

Noticias web

14/01/2020