Luís Villares e os escindidos non acoden á sesión de control no Parlamento
• A operación contra Resistencia Galega tensa o debate entre Feijóo e Pontón
• O presidente da Xunta defende a súa xestión fronte ás criticas socialistas
Os grupos da oposición protagonizaron esta mañá un duro debate co presidente da Xunta no Parlamento. Unha sesión en que non estivo presente o xefe da oposición, Luís Villares.
Luís Villares está no Parlamento e participou nas votacións, pero é certo que non asistiu á sesión de control ao presidente. A razón é que renunciou a facerlle a pregunta prevista inicialmente. Comunicouno á Mesa do Parlamento. Non tiña moito sentido que a fixera unha vez feita pública a ruptura de En Marea e a marcha de Villares e outros 3 deputados ao Grupo Mixto. Villares entendía que xa non representaba os 14 deputados.
Quen si representou o grupo socialista foi o seu voceiro Fernández Leiceaga, que fixo un balance pobre dos 10 anos de goberno de Feijóo. O presidente da Xunta recordou que o seu Goberno sacou Galicia da crise, non creou problemas innecesarios e conseguiu ser a comunidade onde máis aumentou a renda per cápita.
A voceira do BNG e o presidente da Xunta mantiveron un duro debate sobre os pactos na provincia de Ourense. Tamén se reprocharon mutuamente non ser máis contundente á hora de rexeitar determinados tipos de violencia.