CRTVG

Buscar

Luis Villares: "É censurable calquera intento de desestabilizar as mareas municipais"

Publicado o 09/01/2019 12:10

No Bos días, Marcos Sueiro entrevista o voceiro de En Marea, Luis Villares.

"En Marea é un proxecto político que existe en Galicia, que está moi vivo en Galicia e que polo que vimos na última enquisa do CIS do mes de decembro é un proxecto que a cidadanía quere seguir apoiando porque entende que é unha boa solución para os problemas que ten o noso país. Polo tanto, é un proxecto con moito futuro por diante".

"Iso que se chamou auditoría desde Podemos, que non foi Entre Todas, foi un partido que encargou esa auditoría, fíxose sen entrar sequera na plataforma de votación; fíxose, como quen di, por teléfono. Polo tanto, o que di a auditoría son dúas cousas: en primeiro lugar, que ningún sistema de votación é seguro no mundo, e iso Angela Merkel sábeo perfectamente porque esta fin de semana hackeáronlle os datos persoais; e o segundo que di é que non se constataron irregularidades no proceso de votación, o cal a nós safisfainos. (...) Polo tanto, o que toca é aceptar os resultados, falou quen máis ordena dentro de En Marea, que son as persoas inscritas e, polo tanto, todo o mundo ten que aceptar os resultados. De todos os xeitos, En Marea encargou unha auditoria adicional, que vai entrar dentro do sistema para poder verificar que todo estivo en orde. Non existen dúbidas ningunhas nin sobre as garantías do proceso nin sobre as garantías de seguridade, nin sobre o seu reslultado".

"Quen perde sempre ten máis dúbidas sobre o resultado do proceso. O que está claro é que antes había unha serie de garantías e que se foron incrementando a medida que fomos detectando, ante unhas eleccións que estaban previstas para decembro, coa introdución na base de datos. E iso deu lugar a que tivésemos que tomar medidas de maior seguridade, de tal maneira que agora o proceso de votación é dos máis seguros que se poden practicar neste momento no estado español, ten varias mensaxes de texto que hai que confirmar, varias claves que meter antes de poder votar. Quen cuestione o resultado terá que achegar probas, evidentemente. (...) A auditoría de 'Podemos' o que amosa é que non houbo irregularidades".

"Nese discurso que lanza Podemos onte pola tarde, concretamente Gómez-Reino, haberá que encadralo dentro dunha situación, e é que Gómez-Reino tiña o encargo de ganar En Marea para Podemos e non o consegue, polo tanto está enfadado, está desgustado porque non cumpre o encargo que lle fai Pablo Iglesias e non lle queda outro remedio que tirar contra a propia organización. Iso é unha irresponsabilidade, neste momento tiñamos que estar falando das alternativas políticas que necesita o nóso país. E as alternativas pasan por dar unha solución a situación da sanidade en Galicia, hoxe mesmo hai convocada unha manifestación en Santiago, como consecuencia do mal funcionamento do servizo de urxencias, pola mala organización dos recursos que fai o Partido Popular, pola precarización das condicións laborais ás que se somete ao persoal sanitario, polas listas de espera na atención primaria e pola incapacidade de atender correctamente as necesidades da poboación".

"Unha auditoría por teléfono non ten ningún tipo de valor que se poida considerar, seriamente, para xustificar o inxustificable, que é unha ruptura do espazo político. Sería unha irresponsabilidade que Gómez-Reino ou Pablo Iglesias intentasen romper o espazo político de En Marea, non están os tempos, nin en Galicia nin no estado español, para andar xogando con rupturas. Están os tempos para favorecer a idea republicana de unidade xunto a aqueles que favorecemos unha alternativa progresista fronte a unha extrema dereita que neste momento é unha ameaza no conxunto do Estado español".

"En Marea existe porque acabamos de ter un proceso interno onde as persoas inscritas se pronunciaron moi maioritariamente a favor dunha forma de entender este proxecto político. O que non parece entendible é que o que perdeu diga: bueno como perdín vou convocar un novo proceso de unidade popular simplemente con aqueles cos que iba eu na candidatura.(...) Xa temos mecanismos internos en que se poden formular as discrepancias e, polo tanto, ese é o lugar para facelo".

"A xente importante de En Marea son as persoas inscritas. Quen se crea máis importante que os votantes internos equivócase. Aquí non hai mesías. A xente vota a quen lle dá a gana. E non podemos subordinar os intereses de Galicia aos intereses que poida ditar desde Madrid Podemos. En Marea é un espazo onde deciden as persoas, non os partidos".

"É censurable calquera intento de desestabilizar as mareas municipais, nós non o imos facer de ningunha maneira. As mareas municipais son autónomas. Con todo, Podemos Galicia esta semana dixo: queremos postos de saída en Marea Atlántica. Pero isto que é?".

"A forza persoal danma os ideas que me levaron a liderar este proxecto político. Bebo nos ideais dunha sociedade máis xusta".

"Mentres a Xunta baixa o imposto de Patrimonio, que é o que pagan os ricos. Para os ricos de máis de 10 millóns de euros, Feijóo regalalles 45.000 euros coa súa rebaixa do imposto. Sabe cantos médicos se poderían contratar con cada unha deses rebaixas, para días como o do PAC da Estrada? Sobre todo porque en conxunto os ricos van deixar de pagar uns 12 millóns de euros. Serían 3.000 profesionais. Saen as contas, hai recursos, hai que administralos ben".





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2019