CRTVG

Buscar

Luís Villares: "A papeleta do 28 de abril vai sumar todo o espazo político do cambio"

Publicado o 26/02/2019 12:21

O voceiro de En Marea, Luís Villares, estivo esta mañá no programa 'Bos días' da Televisión de Galicia. Estas son as principais frases que deixou a entrevista:

"Os votantes vanse encontrar cunha papeleta que representa unha idea de cambio en Galicia con carácter progresista, democrático e na defensa de autogoberno. É unha idea que o PP se negou a apoiar no Parlamento".

"O que vai representar En Marea nos diferentes comicios é unha idea democrática, defensa dos dereitos fundamentais e defensa do autogoberno. Representamos a defensa da maioría fronte a un Partido Popular que, como consecuencia da reconfiguración das dereitas, estamos vendo a fuga constante de cargos entre partidos, e está deixando baleiro un espazo de valores que son os que está ocupando En Marea".

Sobre a candidatura de Gómez-Reino

"En Marea naceu como espazo político coa finalidade de emular a escala galega o que viña sendo unha boa forma de funcionamento en espazo municipal. Nós estamos moi orgullosos de chegar a este punto. Se Antón Gómez-Reino quere chegar a ser cabeza de lista pola provincia da Coruña nas primarias internas terá a oportunidade".

"Estamos buscando os espazos abertos, onde todo o mundo pode participar. Podemos acaba de facer as súas seleccións internas en Santiago e na Coruña para as candidaturas ás eleccións municipais e unha vez que fixeron as súas primarias integráronse no seu traballo a nivel individual de Marea Atlántica e Compostela Aberta. Esa é a fórmula que lideran Xulio Ferreiro e Martiño Noriega e que nós queremos para toda Galicia".

"Debemos ser consecuentes cos nosos principios"

"A única forma de que a xente non se decepcione, que non quede na casa, é que sexamos consecuentes cos nosos principios políticos. Temos un contrato social con Galicia, un contrato coa cidadanía galega que se chama 'Axenda galega do cambio'. Cando se propuxeron os presupostos do PSOE, estes decepcionaron a esa axenda, había un maltrato por exemplo á area metropolitana da Coruña que era inaceptable en termos de emprego e desenvolvemento económico; a área metropolitana de Vigo, o ferrocarril. Nós non queremos vivir do subsidio, queremos un país con oportunidades laborais, os 200.000 mozos emigrantes non teñen espectativas de futuro".

"En Marea é unha forma de triplo carácter, democrático, social e galego, para desaloxar os corruptos do poder. Nós contribuímos á subida das pensións, do salario mínimo e das pensións. Axudamos o resto das forzas progresistas. Nós non nos resignamos ao discurso do Partido Popular e do Partido Socialista de país empobrecido".

"Eu quero garantir que o día 28 de abri vai ahaber unha papeleta de En Marea que vai sumar todo o espazo político do cambio, para que non se burlen máis dos nosos dereitos de participación política, para que non se censure a nosa liberdade de expresión, para que se acabe coa precariedade laboral e salarial. Sen dúbida, nesa candidatura estará xente que simpatice, e de Podemos, Anova e Esqueda Unida".

"Gustaríame que Alexandra Fernández encabezase a lista por Pontevedra, pero primeiro tería que candidatarse".

En Marea, marca "consolidada"

"A marca que está consolidada en Galicia é a marca de En Marea, que engloba todo o espazo político do cambio. A papeleta do mes de maio non exclúe a ninguén, é de portas abertas. O noso compromiso é ter un grupo político".

"Galicia nin é machista, nin está en contra dos dereitos sociais nin está pola abolición do autogoberno. Esta é a base para unha gran plataforma para o Senado".

Noticias web

26/02/2019