CRTVG

Buscar

Luis Seoane, un legado vixente da cultura galega e do galeguimo 110 anos despois

Publicado o 03/06/2020 21:42


Fillo da emigración, pero nin arxentino nin español. Luis Seoane sentiuse sempre galego malia nacer no Bos Aires de 1910. Con só 6 anos a familia volve a Galicia, que o recibirá como a que sería sempre: a súa terra, o seu país; A Coruña, a súa cidade. Estuda Dereito en Compostela, forma parte do Partido Galeguista, empeza a súa inmersión na ilustración, o debuxo satírico e o deseño gráfico. Empeza o creador fecundo.

As vangardas, o interese pola política que bolen na súa cabeza repousan nun lugar: a aldea da súa nai, Arca, no concello do Pino onde coñecerá a súa futura dona. Alí atopa a Galicia auténtica, a do rural, por sempre xa o motivo da súa obra. Os seus predilectos, a muller, os asoballados e os humildes. Precisamente para eles e para Galicia deseña un dos carteis a prol do Estatuto de Autonomía do 36. Nese mesmo ano ten que fuxir da represión franquista e exiliarse nun Bos Aires cando menos familiar.

Será na diáspora onde se converta no gran creador e innovador da arte galega, condicionada sempre polo recordo dos anos en Galicia e o desexo de volver.

Volvería xa como o que foi, artista multidisciplinar, editor, escritor, xornalista e, sobre todo, divulgador universal da cultura galega. En 1979 morre na súa querida A Coruña, onde tiña previsto establecerse. No seu cento dez aniversario, establecida por todo o país a Galicia das súas cores, formas e poderosas mensaxes.

Noticias web

03/06/2020