CRTVG

Buscar

Luis Rubiales acode ao 110º aniversario da Federación Galega de Fútbol

Publicado o 13/11/2019 20:54

Luis Rubiales non esquivou preguntas na súa visita a Galicia. O Clásico ten por fin data e hora, o 18 de decembro ás 8 da tarde. Unha data en principio reservada para eliminatorias de copa pero Rubiales non ve problema: "Sempre houbo martes, mércores e xoves, por que vai cambiar este ano? Vai volver haber martes, mércores e xoves e os equipos poderán xogar o martes e o xoves para non coincidiren co Clásico que sabemos que ten unha gran repercusión", asegura.

Rubiales presentou esta semana a supercopa que os petrodólares levan a Arabia Saudita.

"A Supercopa estaba abocada á morte, no mes de agosto non se podía disputar. O diñeiro non é para construír un chalé, o diñeiro vai para o fútbol feminino, o diñeiro vai para o fútbol máis modesto, para a Segunda B e a Terceira. Claro que o diñeiro é moi importante, quen o pode negar?", explica o presidente da federación. 

Tamén xurdiu a cuestión do respecto aos dereitos humanos en Arabia: "Preocúpannos todas as desigualdades que hai neste país e noutros países nos que imos xogar tamén coa selección e demais e nós dende o fútbol queremos utilizar coma ferramenta do cambio todo iso. Obviamente é imposible cambiar do branco ao negro ou do negro ao branco todo nun día".

Tamén tivo que responder o presidente da Federación sobre a inclusión do Melilla no grupo galego de Segunda B que dá lugar a situacións como a sufrida polo Coruxo esta fin de semana: "Someteuse a votacións de todos os clubs, de todas as federacións membro e saíu por inmensa maioría este sistema".

Aprecien agora o matiz coa versión do presidente da Federación Galega sobre aquelas votacións e a postura dos equipos galegos: "Os clubs galegos xuntáronse, por certo, vou dicilo, xuntáronse sen falar coa Federación Galega. Xuntáronse os catro e decidiron levar unha proposta, foron á hora da votación e na votación quedaron de últimos".

Rubiales insistiu, ademais, en que xogar partidos da liga fóra de España desequilibra a competición e ofreceuse a intermediar na folga do fútbol feminino.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019