CRTVG

Buscar

Luis Enrique quere crear unha nova selección gañadora

Publicado o 23/03/2019 16:01

España regresa á competición oficial cun dobre obxectivo: o primeiro, o máis obvio, superar a fase de clasificación para a Eurocopa do 2020. O segundo, o máis ambicioso, crear unha nova selección que poida volver gañar títulos.

"Nesas seguimos, nas de ir buscando, e atopando, os xogadores que poidan levarnos ao que eu considero un equipo gañador e un ciclo que nos permita loitar por cousas importantes", recoñeceu Luis Enrique.

Porque, malia que se siga falando desa selección triunfal que enlazou Eurocopa, Mundial e Eurocopa, Luis Enrique salienta que España vén de tres fracasos consecutivos.

"Calquera comparación que fagamos coa España que gañou un mundial e dúas eurocopas, saímos perdendo sempre pero, afortunadamente, non hai que compararse coas seleccións que tivemos. Hai que compararse coas actuais do panorama mundial e seguimos na posición na que estabamos cando chegamos ao cargo: novena", reflexionou o seleccionador español.

O partido ante Noruega nun ateigado Mestalla abre a fase de clasificación. Luis Enrique seguirá buscando o seu equipo ideal, probando xogadores ata que atope a fórmula que lle funcione.

Noticias web

23/03/2019