CRTVG

Buscar

Robert Moreno, novo seleccionador de fútbol tras a renuncia de Luis Enrique

Publicado o 19/06/2019 20:28

Luis Enrique deixa a selección española. Un grave problema familiar obriga o asturiano a renunciar ao posto. Robert Moreno ocupará o seu lugar. Rubiales dixo hoxe que Luis Enrique sempre terás as portas abertas. 

Luis Rubiales, presidente da Federación Española de Fútbol: "Non temos o máis mínimo reproche. Ao contrario. Aprendemos moito del. Estivemos moi unidos con el e o seguimos estando. Fai un cacho que falei con el e transmitinlle que sempre vai ter as portas da federación e da selección abertas".

Robert Moreno é o novo seleccionador español de fútbol

Robert Moreno, selecciónador español de fútbol: "É un día agridoce, máis agre ca doce. Sempre pensei en ser adestrador algún día, pero non esperaba que fose deste xeito".

Luis Rubiales, presidente da Federación Española de Fútbol: "Non temos máis que ver os que estamos preto del como traballa e a sabedoría que ten como para referendar unha vez máis que é, sen lugar a dúbidas, a mellor das opcións na situación que nos encontramos".

Luis Enrique, que chegou ao cargo en xullo de 2018, despediuse a través dun comunicado difundido pola federación. O técnico asturiano agradece aos responsables da federación, ao staff e aos xogadores a súa profesionalidade. Tamén aos medios de comunicación pola discreción e o respecto á súa situación persoal. Para Robert Moreno será a súa primeira grande oportunidade.

Robert Moreno, seleccionador español de fútbol: "Eu creo que si teño experiencia. Pregúntalle a calquera adestrador que se está formando que percorrido lle gustaría facer antes de coller por primeira vez un equipo da entidade que sexa: nove anos con Luis en vestiarios de máximo nivel, adestrando os mellores do mundo, vendo as decisións que el tomaba".

Moreno será o encargado de levar a selección ata a Eurocopa do ano que vén.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí