CRTVG

Buscar

Lugo será a última cidade galega en acender a iluminación de Nadal

Publicado o 06/12/2018 14:15

Esta é a Praza Maior de Lugo e estoutra unha das principias rúas comerciais da cidade, pero aquí non hai rastro do Nadal. Só os escaparates están decorados para a ocasión porque na rúa as luces aínda non está nin postas. Lugo será última cidade que acenderá a iluminación de Nadal e este atraso xera moito malestar entre os comerciantes.

"Din, por agora, o día 14, que é a previsión do encendido das luces, e estamos á espera. É a época clave do comercio, é a época que a moitos comercios os fai sobrevivir e, claro, estamos a falar de pequenos comercios que son os que pagan os seus impostos en Lugo, os que dan os seus traballos en Lugo e os que manteñen a cidade".

"Estamos agardando a que poñan as luces porque, claro, a iluminación de Nadal para nós é moi importante porque dámonos conta de que estamos nos meses máis escuros do ano e fainos falta un reclamo para que a xente saia á rúa facer as súas compras ou pasear".

Dende o concello sinalan que os problemas se deben ao atraso na aprobación dos orzamentos, que se produciu en abril, pero que este ano haberá unha iluminación máis completa ca en anos anteriores e que triplicarán o investimento. Con todo, isto non satisfai os comerciantes, din que de nada serve se chega tarde.

"Vemos Ourense, xa non digamos Vigo e A Coruña, que, ben, están tendo uns resultados estupendos, sobre todo Vigo polo investimento, que está repercutindo no comercio e nas hostalería e en Lugo pois é todo o contrario".

"Gastamos o diñeiro para nada, non ten repercusión práctica. Isto xa non é o debate de se as luces son útiles ou se hai que gastar máis ou menos, é o debate de que o que se vai gastar non vai servir absolutamente para nada, ese é o gran problema".

Polo momento, no centro da cidade non hai nin sequera traballos de instalación de iluminación e veciños e visitantes teñen que conformarse coas decoracións de Nadal dos establecementos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018