Lugo non dá avanzado polos positivos xerados polas festas ilegais
O principal gromo da cidade de Lugo xerouse nunha festa a mediados de agosto, e a situación non deixa de repetirse. As festas están detrás da maior partes dos gromos. A Policía Nacional desaloxou tres locais nas últimas semanas e entre os asistentes aos dous primeiros suman xa 35 positivos.
"Detectamos tres locais. Un no que había 23 persoas, que deron 14 positivos. Outro no que había 90 persoas e se levantaron 23 actas de denuncia e nos informaron as autoridades sanitarias que houbo un elevado número de contaxiados. Finalmente esta fin de semana pasada no centro da cidade houbo de novo unha festa nun local no que non se mantiveron as medidas de seguridade", relata Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo.
Agora, de xeito preventivo, realízanlles as probas PCR aos identificados no interior do último local desaloxado polos axentes. O obxectivo é atallar posibles gromos, e é que os contaxiados nas festas ilegais provocan despois unha diseminación de casos a nivel familiar e laboral.
"Acumulacións en determinados bares, festas fóra do horario permitido e sen manter as medidas de seguridade, e vemos que hai unha repunta. Aínda que sexan distintas cadeas que parten de ámbitos familiares ou laborais vemos que teñen a súa orixe nestas festas", sinala Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo.
Os novos contaxios derivados de festas fan que a situación da cidade de Lugo non mellore e teña que seguir con restricións.