CRTVG

Buscar

Lugo implanta sensores que permitirán mellorar a recollida de lixo

Publicado o 05/09/2019 15:33

As novas tecnoloxías achegan a diario importantes novidades para a mellora dos servizos. É o caso de Lugo onde comezaron as probas para a xestión intelixente dos residuos urbanos. Os colectores estarán equipados con sensores volumétricos que permitirán mellorar a recollida, aforrar custos e reducir emisións.

Este pequeno aparello é un sensor volumétrico e está destinado a medir o estado dos colectores de residuos. O concello de Lugo está a instalar estes sensores nun cento de novos colectores de envases lixeiros e de papel transformándoos en intelixentes. Trátase dun proxecto piloto que busca unha xestión máis eficiente dos residuos dado que os datos aportados permitirán optimizar a recollida e reducir o impacto ambiental.

"Permítenos planificar as rutas e por tanto a eficiencia na retirada de residuos antes da saída do camión. O sensor identifica o volume de enchido do colector e polo tanto o camión pasará solo por aqueles que están cheos deixando os demais ata que acaden un volume que faga rendible o seu baleirado", sinala Álvaro Santos, concelleiro de Desenvolvemento Local Sostible.

Este sistema forma parte do proxecto Smart City financiado entre o concello de Lugo, o Ministerio de Economía e fondos europeos. Prevese que cando se implante en todo o municipio permitirá un aforro superior aos 600.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/09/2019