CRTVG

Buscar

Lugo estrea un novo treito peonil na rolda da Muralla, ao pé da icónica torre da Mosqueira

Publicado o 01/06/2021 14:07

O treito da rolda da Muralla á altura da torre da Mosqueira, que é a principal icona de Lugo, xa é peonil. Agora, os viandantes poden camiñar por onde antes circulaban os coches. Dáselle, por tanto, continuidade ao tramo que xa estaba libre de tráfico.

A transformación da Mosqueira en peonil implica unha serie de cambios no tráfico do centro da cidade. Varias rúas, coma Anxo López Pérez e Salvador de Madariaga, cambian de sentido, mentres que outras vías da contorna pasan a ser de sentido único. Para asesorar os condutores, a Policía Local de Lugo realizou un amplo despregamento.

José Luis Piñeiro, xefe en funcións da Policía Local de Lugo: "O que estamos a facer é facilitarlle ao cidadán as novas direccións e as novas formas de chegar a determinados sitios. Hoxe, entre os colexios e que é día de mercado, hai moita xente pola rúa, polo que estamos tendo en hora punta certos momentos de agobio e de atasco, pero que estamos intentando sacar adiante. Ademais, estamos vendo, xunto co xefe de quenda, aqueles puntos deficientes onde podemos mellorar a sinalización para que o cidadáns se vaia encontrando máis cómodo. E hai que esperar uns días para que isto vaia collendo sentido".

Como consecuencia da remodelación, a cidade estrea tamén novos semáforos e decenas de novas prazas de aparcadoiro, pero tamén estrea un novo servizo de transporte público. Os lugueses pasan a dispoñer de novas liñas de bus, que ofrecen frecuencias de dez minutos no centro urbano e de media hora no rural.

Noticias web

01/06/2021