Lugo é a provincia galega onde máis está a aumentar o número de turistas
O xeodestino galego cunha mellor evolución en 2019 foi o dos Ancares e o Courel, onde a demanda se incrementou en máis dunha cuarta parte. Outros dous xeodestinos lucenses, a Mariña e mais Lugo e a Terra Cha, figuran entre as seis zonas de Galicia onde máis aumentou o turismo.
Guido Álvarez, guía turístico: "Lugo é un destino que garda aínda a autenticidade que moitos destinos e cidades perderon. Cando o turista chega aquí, non bate cun parque temático, como sucede en moitos outros lugares. Aquí atopa unha cidade auténtica cunha riqueza histórica impresionante".
Ademais, Lugo é a provincia galega onde máis se incrementou o número de turistas. Subiu un 13 por cento, con case 800.000 viaxeiros. Coma no conxunto de Galicia, tamén aumentou o turismo nacional e internacional.
"Eu veño dende Vedra, e tiña ganas de vir, xa dende hai tempo, polo empblema histórico que é a muralla, tan ben conservada".
Guido Álvarez, guía turístico: "Un grande aumento no número de turistas, nos internacionais e tamén nos galegos, que tamén se están fixando en Lugo. É dicir, temos tamén turismo interno".
Lugo lidera tamén, dentro de Galicia, o aumento de turistas que fan noite, cun incremento anual de máis do 12 por cento.