CRTVG

Buscar

Lugo conta cunha das primeiras salas para conservar cadáveres por conxelación

Publicado o 19/06/2020 21:18

Esta cámara mortuoria é unha das primeiras de España preparada para conservar os cadáveres polo método da conxelación.  Pode aloxar ata seis corpos que permanecen a unha temperatura de entre 18 e 25 graos baixo cero. Está pensada, principalmente para persoas inmigrantes e estranxeiras cuxos cadáveres non poden ser trasladados de xeito inmediato.

Un alto funcionario dun goberno estranxeiro que faleceu preto da cidade de Lugo. É canto se sabe do primeiro ocupante da cámara mortuoria de conxelación deste tanatorio lugués, xa que os protocolos xudiciais non permiten dar máis información. O cadáver tivo que ser conxelado ante a imposibilidade de trasladalo ao seu país debido ás restricións impostas ao transporte pola crise do coronavirus.

"Todos os corpos que puideran pasar de 48 horas antes de ser soterrados, incinerados ou entregados á ciencia, teñen agora a posibilidade de ser conxelados para que estea nas mellores condicións antes de darlles o destino final."

A conxelación de cadáveres só está permitida en Galicia dende o 2015 e úsase para casos moi especiais como este de Lugo e sometida a supervisión xudicial. Cómpre non confundila coa famosa crioxenización, mundialmente asociada a Walt Disney, xa que son técnicas moi diferentes e con obxectivos distintos.

"A conxelación só se contempla para un tempo concreto e definido. A outra é unha técnica pensada para durar ata que o corpo poida 'renacer' grazas á ciencia."

No tanatorio cren que cada vez haberá máis uso da conxelación tanto para traslado de corpos como para estudos científicos.

Noticias web

19/06/2020