CRTVG

Buscar

Lugo celebrará un San Froilán diferente sen casetas do polbo nin recinto feiral

Publicado o 16/09/2020 20:56

Para que non se perda a esencia, nos vindeiros días comezarán a instalar nas rúas de Lugo a iluminación do San Froilán, pero, ollo, serán unhas festas totalmente diferentes e xa non se verán imaxes coma estas. Non haberá recinto feiral nin carruseis, pero dende o Concello queren realizar pequenos actos culturais con garantías sanitarias e adaptados á situación.

Estamos preparando seis escenarios distintos en distintas zonas da cidade para facer pequenos concertos, sobre todo con grupos locais. Van ser actividades de balde, pero haberá entradas para controlar a ocupación. Sempre vai estar acoutado, carpas pechadas e garantirase a distancia social que nese momento ditaminen as autoridades sanitarias", sinala Maite Ferreiro, concelleira de Cultura.

Tampouco haberá as tradicionais casetas do polbo e permanece baleiro o espazo onde terían que estar montando as instalacións. Con todo os hostaleiros din que non faltará o polbo e xa están a preparar espazos alternativos nos seus restaurantes para que durante o mes de outubro ninguén quede sen degustar o manxar típico das festa.

"A nosa alternativa pasa por ofrecerlles aos clientes todas as medidas de seguridade e trasladamos a esencia da caseta ao noso restaurante. Temos unha zona de xardín, ventilada e con separación entre as mesas para que familias e amigos poidan gozar dun bo xantar", explica o hostaleiro Nacho Rodríguez Carballeira. 

Uns e outros apostan por manter a esencia das festas, pero din que o primeiro é a seguridade e que todo se irá adaptando á situación sanitaria do momento.


 

Noticias web

16/09/2020