CRTVG

Buscar

Lugo celebra un San Froilán diferente marcado pola pandemia

Publicado o 05/10/2020 13:52

Lugo celebra o día do seu patrón baixo estritas medidas de seguridade por mor da pandemia. O San Froilán 2020 non terá recinto feiral, nin barracas nin atraccións. Tampouco contará coas tradicionais casetas do polbo, pero si haberá polbo á feira en numerosos locais de hostalería da cidade, que se verán transformados en polbeiras.

"A xente estase animando e estao levando para as súas casas. En Lugo, o día 5 todo o mundo come polbo. Pero, claro, veñen, recólleno e marchan para a casiña. Ou servímosllelo nós a domicilio. Temos unha persoa a repartir e lévallelo. Comer, cómeno, pero non é coma antes, que viñan ás casetas e había aquel ambiente tan lindo", di Aurora Baranda, polbeira.

"Ves as caras da xente e velas tristeiras. Non as ves alegres coma outros anos. E incluímonos nós, porque eu teño unha lousa no peito que só dou arrincado de cando en vez cando lle metemos un rabiño de polbiño e un vasiño de viño. Que hai que facelo, eh!", sinala Pelúdez.

"É que con esta lea nin barracas nin nada. Non me chista", di unha moza.

Máis que unhas festas patronais, o San Froilán deste ano será un semana cultural. Durante nove días, desenvolveranse máis dun cento de actividades, con concertos para todas as idades, contacontos, exposicións e animación polas rúas dos diferentes barrios da cidade. Iso si, con capacidade limitada e distancia social, tal como manda a normativa sanitaria establecida polas autoridades.

"Iremos aínda hoxe. Pero dar unnha volta, ver como está o ambiente e volver para a casa".
"É moi atípico, a verdade. Coas máscaras, moi raro. Pero hai que afacerse a isto", din unhas mozas.

A voz de Rosa Cedrón e o trap de Boyanka Kostova son algunhas das propostas musicais para estas primeiras xornadas dun San Froilán diferente.

Noticias web

05/10/2020