CRTVG

Buscar

Lucas Pérez sofre unha contusión e apunta a baixa contra o Eibar

Publicado o 07/10/2017 11:59
Lucas Pérez sofre unha contusión e apunta a baixa contra o Eibar

Lucas Pérez, dianteiro do Deportivo, presenta unha "contusión importante" na coxa esquerda e apunta a baixa ante o Eibar o domingo da próxima semana na oitava xornada da Liga.

O club coruñés, que non concreta os prazos previstos para a recuperación do xogador, indica no parte médico que as probas ás que foi sometido para determinar o alcance das súas molestias por un golpe no partido ante o Xetafe, revelan unha forte contusión no cuádriceps esquerdo que lle causou un hematoma no músculo crural.

O músculo crural, coñecido tamén como vasto intermedio, atópase na cara anterior do fémur e é o máis profundo dos que compoñen o cuádriceps.

O Deportivo sinala que ao dianteiro cedido polo Arsenal inglés aplicaráselle un tratamento de fisioterapia ata que se resolva o hematoma. A pesar de que o club non ofrece os prazos de recuperación, o normal é que, como mínimo, perda o partido ante o Eibar en Ipurua e sexa dubida na seguinte cita da tempada, ante o Xirona no estadio de Riazor.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí