Luca Chao: "En ningún caso se vai reabrir a crise con En Marea"
A deputada Luca Chao, voceira de comunicación do Grupo Común da Esquerda, explicou esta mañá a postura da súa coalición respecto á baixa do deputado Manuel Lago e a entrada na súa substitución de Mariló Cancedo, próxima a Luís Villares.
"Manuel déixanos no Parlamento e entrará outra deputada, que é a que segue na lista, nada máis", asegurou.
"O normal é que sexa ela quen vai ocupar o escano, iso ninguén o discute", afirmou Luca Chao, a pesar de que nas semanas previas se falara sobre a posibilidade de que renunciase para que entrase en substitución de Lago outro candidato para que o Grupo Común da Esquerda mantivese os seus dez deputados.
"En ningún caso se vai reabrir a crise con En Marea. Somos dous proxectos diferenciados, con camiños diferentes, e alá o Grupo Mixto que faga o que considere. Lamentamos a perda dun deputado tan valioso como era Manuel Lago, pero temos tamén a oportunidade para un diálogo fluído co Goberno central nunha cuestión importante para nós como é o emprego e a precariedade", dixo Luca Chao.