CRTVG

Buscar

Derradeira tirapuxa da lexislatura entre Sánchez e a oposición

Publicado o 27/02/2019 21:21

Pedro Sánchez subía ao estrado do Congreso por derradeira vez na lexislatura para falar do brexit e de Venezuela. Pero nas réplicas atopou un repaso aos seus 9 meses de mandato. Albert Rivera, por exemplo, reiterou os motivos polos que Ciudadanos non pactará co PSOE tras o 28 de abril.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Vostede decidiu que pagaba a pena ser presidente por 9 meses a cambio de pactar cos que queren romper este país. E iso, señor Sánchez, invalídao para recibir o apoio de calquera partido constitucionalista".

Podemos ve o PSOE como un resumo do dilema da socialdemocracia europea. E lamenta o seu rumbo desde a mocion de censura.

Pablo Bustinduy, Unidos Podemos: "Ese xiro chegou demasiado tarde, foi demasiado dubitativo e deixouse sufocar pola dereita incapaz de dixerir a perda do estado".

Xa na derradeira sesión de control, o presidente e o primeiro partido da cámara enredáronse en acusacións mutuas sobre o uso partidista das institucións ou causas como a da igualdade.

Pablo Casado, presidente do PP: "Non imos tolerar que quenten o 8-M e a campaña electoral enfrontando homes con mulleres, enfrontando partidos políticos na peor eiva social que sofre España e en que todos temos que ir da man".

Pedro Sánchez, presidente do Goberno "Que o Partido Popular e a súa persoa, señor Casado, me diga que estamos instrumentalizando as institucións públicas cando vimos dun Goberno que usou fondos reservados para obstaculizar a investigación xudicial do financiamento irregular da Gürtel no seu partido".

Este xoves, a cámara vivirá o derradeiro pleno con estes 350 protagonistas.

Noticias web

27/02/2019