Último día de negociacións de Alcoa cos sindicatos, con dúas propostas sobre a mesa
En Lugo, última reunión dos traballadores de Alcoa coa dirección, dentro dos prazos que dera a compañía. Pero a cousa pode cambiar porque nas últimas horas houbo diferentes ofertas, tanto por parte de Alcoa como do novo comprador.
Ofertas que o presidente do comité de empresa considera no fondo o mesmo de sempre, xa que en todo momento Alcoa fala de parar as cubas da industria.
Xornada de novas esperanzadoras para os traballadores de Alcoa. Onte á tarde coñeceron de primeira man o proxecto da empresa Liberty House para adquirir as plantas de San Cibrao. Un plan que esta empresa británica pretende materializar en oito semanas. Ese é o prazo que os responsables de esta compañía do sector lle trasladou ao comité de empresa e que este valorou de xeito moi positivo, xa que trae luz ao futuro de Alcoa. A oferta de Liberty House pasa por manter os postos de traballo, producir aluminio primario e mesmo xerar enerxía para a propia planta.
Mentres, Alcoa daba a coñecer hoxe dúas propostas, dúas posibilidades que teñen en común a intención de parar as cubas. Nun caso, a multinacional americana propón seguir adiante co ERE mentres busca un comprador que asuma o cadro de persoal. E na outra opción, presenta un ere de só dous anos, atoparía un comprador en nove meses e correría cos custos de reactivación das cubas. Os traballadores rexeitan totalmente as dúas opcións, xa que en ningún caso aceptarían que as cubas se deteñan, porque son vitais para o futuro do proxecto industrial.
Que as cubas de electrólise sigan funcionando é a condición que os responsables da empresa británica Liberty House poñen para materializar a oferta sobre Alcoa, tanto para planta de alúmina como a de alumnio, e que onte lle presentaron aos membros do comité de empresa. Este martes, comité e dirección de Alcoa volven reunirse para negociar o ere que pende sobre 534 traballadores.
A Xunta de Galicia, que onte á mañá tamén coñecía a oferta de Liberty House nunha reunión entre responsables da compañía co conselleiro de Industria, ameaza con levar aos tribunais o ere de Alcoa co argumento de que xa non está xustificado, posto que hai enriba da mesa un plan de viabilidade cunha saída laboral para os traballadores.