CRTVG

Buscar

Último adeus a Maradona tras un velorio e cortexo fúnebre multitudinarios

Publicado o 26/11/2020 23:35

• Despedida íntima no cemiterio de Jardín Bella Vista

O velorio ramata con disturbios na Casa Rosada

Os restos de Diego Armando Maradona chegaron ao cemiterio Jardín Bella Vista, na periferia de Bos Aires, onde a súa familia lle dará o último adeus nunha cerimonia privada.

O cortexo fúnebre percorreu uns 40 quilómetros desde a Casa Rosada, sede do Executivo arxentino e onde se realizou o velorio, ata o cemiterio, onde descansan os restos dos pais de Maradona.

O paso do automóbil cos restos do exfutbolista foi saudado por miles de persoas apostadas sobre pontes e á beira da estrada e as rúas que o cortexo percorreu nun traxecto que completou en pouco máis dunha hora. Ao cemiterio foron autorizados a ingresar só os familiares e moi poucos achegados ao astro máximo do fútbol arxentino.

Maradona faleceu este mércores, aos 60 anos, nunha casa das aforas de Bos Aires onde se mudou este mes, tras estar ingresado en dous centros de saúde e ser operado dun hematoma subdural. Os seus restos foron velados este xoves nunha capela ardente montada na Casa Rosada, onde durante case doce horas peregrinaron miles de arxentinos para despedirse "do 10".

A multitudinaria despedida viuse embazada polos serios disturbios desatados nos arredores da Casa Rosada e dentro mesmo da sede gobernamental cando fanáticos de Maradona enfrontáronse coa policía ao tentar ingresar de calquera modo á capela ardente.

Fontes do Goberno da cidade de Bos Aires informaron que once persoas foron detidas pola Policía da capital por atentado e resistencia á autoridade. Ademais, precisaron que nos incidentes resultaron feridos sete policías con politraumatismos, ningún de gravidade, e tres vehículos policiais -unha moto e dous patrulleiros- sufriron danos.