CRTVG

Buscar

Último adeus a Álex Pedreira, o maquinista falecido no accidente ferroviario de Zamora

Publicado o 04/06/2020 14:16

Os restos mortais de Alexander Pedreira, o maquinista galego falecido o martes no accidente ferroviario de Zamora, chegaban á Coruña na tarde de onte unha vez completada a autopsia. A súa familia e amigos danlle a estas horas o último adeus.

Ata este tanatorio coruñés chegaban á última hora da tarde de onte os restos mortais de Alexander Pedreira Sáinz. O seu corpo será incinerado nas próximas horas. É unha das dúas vítimas que deixa o accidente do Alvia que facía a ruta entre Ferrol e Madrid. Tiña 32 anos e a piques estaba de cumprir o seu soño: conducir trens de pasaxeiros. Aquí no Burgo, no concello coruñés de Culleredo, onde vivían el e parte da súa familia, aínda non dan creto ao sucedido.

Alexander estaba dende hai catro meses en período de formación, por iso viaxaba no Alvia sinistrado xunto ao maquinista titular, un home de 55 anos de idade e residente tamén na Coruña,  que permanece ingresado no hospital Virgen de la Vega, de Salamanca, onde se recupera da intervención cirúrxica á que foi sometido.

Sobre o terreo, na localidade zamorana da Hiniesta, a prioridade agora céntrase na investigación das causas do sinistro. Técnicos da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviairos e da Policía Xudicial da Garda Civil continúan a recoller probas sobre a vía e tamén na ponte dende a que se precipitou o todoterreo contra o que bateu a locomotora, e no que viaxaba o home de 89 que tamén morreu.

E máis alá da investigación, tamén se traballa para recuperar o tráfico ferroviario. O ADIF informou que permanecerá ininterrompido mentres duren os labores de reparación, xa que un dos carrís rompeu como consecuencia do impacto do coche e da freada do tren. Calculan que non estarán rematados antes do 25 de xuño

Noticias web

04/06/2020