Ultímanse os preparativos para unha noite de San Xoán atípica
• Noite de San Xoán sen fogueiras na praia de Riazor
• San Xoán sen grandes cacharelas, pero con sardiñas
As cacharelas iluminarán Marín esta noite de San Xoán. Non se poderán facer nas praias, pero si están autorizadas preto de 120 fogueiras noutros lugares, oito delas públicas. Ademais, os hostaleiros poden instalar asadores no exterior. As medidas de seguridade e hixiene extrémanse polo coronavirus.
Benigno Blanco, xefe da Policía Local de Marín: "Facer unha diferenciación entre a entrada e a saída das cacharelas, distancia física de seguridade de metro e medio como mínimo e uso obrigatorio da máscara".
A policía ten listo o dispositivo de seguridade para que se respecten as normas. Mentres, os veciños apuran as últimas horas dos preparativos.
Juan Quintas, veciño de Marín: "Trouxemos un par de camións de leña e o que tiña unhas madeiras na casa tamén as trouxo para a queima".
No concello de Nigrán, máis de 50 axentes e 23 voluntarios de Protección Civil encárganse de vixiar as praias.
Iago Álvarez, protección civil do Val Miñor: "A partir das nove da noite, a praia empezará a desaloxarse para evitar as aglomeracións que hai sempre pola festa de San Xoán".
Neste municipio haberá arredor de 15 cacharelas organizadas por particulares, outras tantas en Baiona e nove en Gondomar.