O xurado popular comeza a deliberación do veredicto do crime da rozadoira
Xosé Luís Viéitez foi trasladado de novo esta mañá á Audiencia de Pontevedra para asistir ao derradeiro trámite do xuízo en que está acusado da morte do seu veciño Xosé Carlos e da filla deste, Jessica, en xuño de 2017 ao atacalos cunha rozadoira. Tras 5 xornadas de vista oral, en que declararon unhas 20 testemuñas, a maxistrada presidenta do tribunal entregoulles ás partes esta mañá o obxecto de veredicto. É a relación de preguntas sobre feitos probados, a participación do acusado e a súa culpabilidade, que tras ser revisadas polo fiscal e os avogados da defensa e da acusación, lles entregou aos membros do xurado popular. Agora, incomunicados co exterior, deben votar esas respostas e emitir un veredicto.
Nas súas conclusións, a fiscalía mantén a petición de 18 anos de prisión por un delito de asasinato e outro en grao de tentativa pola morte de Xosé Carlos e as lesións que o acusado lle causou á súa filla Jessica coa rozadoira.
Juan Sagredo, fiscal: "Chegamos ás mesmas conclusións que cando comezamos... con tres feitos fundamentais probados: que non facía nada nese lugar coa rozadoira, que non estaba rozando e tiña unha coitela innecesaria, que non bebera alcol, quedou sobradamente acreditado e que non confesou. Polo tanto, mantemos o mesmo: que hai un trastorno que teñen que valorar os xurados á luz dos informes dos forenses".
A acusación mantén a pena de 40 anos de prisión polos dous delitos, mentres que a defensa pide unha eximente completa e que o acusado sexa internado durante 5 anos para recibir tratamento psiquiátrico.