CRTVG

Buscar

Última xornada do xuízo contra un home acusado de ter relacións sexuais cunha menor

Publicado o 04/04/2019 13:43

Nesta segunda e última sesión do xuízo, os médicos forenses explicaron que o feito de que a menor non tivese o hime roto non significa que non fose penetrada vaxinalmente.

Pola súa banda, os psicólogos do Imelga declararon que o discurso que lles relatou a rapaza era crible. Dixeron que non dubidaba, que tiña unha estrutura lóxica e que amais achegou unha morea de detalles tanto de situacións como de persoas. Con todo, precisaron que malia que sexa crible non poden afirmar que sexa verdade o que conta.

Unha vez rematada a proba, tanto as acusacións como a defensa elevaron a definitivas as súas peticións. A Fiscalía solicita once anos de cadea por un delito continuado de abusos sexuais a unha menor de 16 anos.

"Tal e como se desprende da proba, quedou demostrado que o acusado mantivo relacións sexuais de xeito reiterado con penetración vaxinal coa vítima".

A defensa insiste na inocencia do seu cliente e pide a libre absolución.

Estanislao de Kostka Fernández, avogado da defensa: "En todas as declaracións non puideron acreditar ningún dos graves feitos que se denuncian e, polo tanto, nós estamos optimistas e agardamos unha sentenza absolutoria, ao non quedaren acreditados os feitos. Non quero entrar a facer máis dano do que psicoloxicamente se pode facer nestes casos, pero o certo é que a rapaza non puido, nin sequera en modo indiciario, amosar un dos comportamentos que di que se lle fixeron".

O xuízo quedou xa visto para sentenza.

Noticias web

04/04/2019