CRTVG

Buscar

Louzán acóllese ao seu dereito a non declarar no xuízo que o investiga por fraude e prevaricación

Publicado o 20/11/2020 17:49

O expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Luisa Piñeiro, rexeitaron a existencia dun "sistema artificioso e en fraude de lei" para aboar á construtora Eiriña uns 86.000 euros por un suposto sobrecusto relativo a unhas obras executadas e non contratadas no campo de fútbol do Buelo, en Moraña.

O actual presidente da Federación Galega de Fútbol e a exalcaldesa de Moraña están acusados de fraude e prevaricación xunto a outro seis procesados que este venres foron citados a declarar por estas supostas irregularidades no xuízo que se celebrou no Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra. Ao entender que todas as preguntas que quería facer xa foran respondidas polo resto de acusados, o avogado de Rafael Louzán renunciou a interrogar o seu cliente, polo que este se acolleu ao seu dereito a non declarar

Pola súa banda Luisa Piñeiro, exalcaldesa de Moraña no momento dos feitos; Enrique Pais, dono da empresa Eiriña; o director técnico desta construtora, Jaime Alvariñas e o exdirector de Infraestruturas na Deputación, José Manuel Juanatey; e o arquitecto D.A.L.O.; só responderon as preguntas dos seus propios letrados, negando calquera irregularidade nas obras investigadas

A Fiscalía só puido preguntar, deste xeito, a dúas dos acusados, os representantes das dúas empresas E.C. Casas e Construcciones y Canalizaciones Salnés. O Ministerio Público asegura que despois das obras do Buelo, a Deputación organizou unha segunda adxudicación á que se convidou a estas dúas empresas como "mero trámite" xa que os traballos foron adxudicados de novo a Eiriña, mediante unha partida de libre disposición do presidente provincial, por unha cantidade similar ao sobrecusto xerado nas obras do campo de fútbol. 

O dono de Eiriña, Enrique Alonso Pais, e o seu número dous nesta empresa, Jaime Alvariñas, negaron amañar a licitación destas obras rexeitando que acordaran coas outras dúas construtoras que presentasen "presupostos de compromiso" para darlle legalidade a este proceso de adxudicación. "Pagáronme a obra e non houbo ningún tipo de problema", resolveu Alonso Pais.

Igualmente, o entón director de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Manuel Juanatey, xustificou que se licitara un segundo concurso ante as "necesidades detectadas" para mellorar o campo. Nos documentos exhibidos durante esta proba testifical os avogados da defensa mostraron como a Deputación xa pagara á empresa un importe por uns modificados xurdidos durante a construción do campo de fútbol, unhas obras diferentes á ampliación do muro que foi obxecto da segunda adxudicación que tivo un custo moi parecido.

Pola súa banda, Luisa Piñeiro insistiu en que o Concello de Moraña non xestionou a contratación, a adxudicación nin o pago destas obras, limitando a súa participación neste asunto a que desde o Goberno local "pedimos unha subvención e fixéronnos un campo de fútbol", concluíu.

A Fiscalía pediu a reprodución na sala de dúas conversas gravadas no teléfono intervido de Jaime Alvariñas en que, con apenas 10 minutos de diferenza, falaba sobre esta obra con Mauricio Rodríguez, representante de E.C. Casas e con Diego González, administrador de Construcciones y Canalizaciones Salnés, ambos acusados nesta causa. Os dous empresarios enmarcaron esta conversa en cuestións laborais alleas a calquera artimaña irregular, como a consulta de prezos ou a posibilidade dunha subcontratación.

Ao comezo do xuízo, os letrados da defensa ocupáronse das denominadas cuestións previas en que pediron a nulidade de todas as actuacións. Os avogados argumentaron, entre outras razóns, que son nulas as escoitas telefónicas practicadas e as súas transcricións e aseguraron que neste caso vulnerouse o dereito de defensa dos acusados. 

Ademais, expuxeron que o xulgado instrutor, o de Primeira Instancia de número 7 de Vigo, carece de "competencia territorial" nesta causa xurdida dentro da operación Patos. O avogado de Luisa Piñeiro tamén pediu a retirada da acusación de fraude contra a alcaldesa de Moraña ao entender que prescribiu.