Fernández Lores: "Todos sabiamos que a prórroga de ENCE era ilegal"
O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores valorou este luns no Bos Días a sentenza sobre a prórroga de ENCE. "Todos sabiamos que a prórroga era ilegal", asegurou Fernández Lores. "Desde o ano 1988 en que se aprobou a lei de Costas, todos queriamos, e a lei o dí así, recuperar os terreos marítimo-terrrestres. En todo o Estado, pero especialmente neste caso na ría de Pontevedra, onde se reencheron 600.000 metros cadrados para poñer ENCE".
O alcalde responsabiliza de poñer en perigo a continuidade da empresa en Galicia directamente a quen concedeu a prórroga e non traballou en buscar alternativas: "Creo que se perdeu moitísimo tempo porque a fábrica se empeñou en seguir producindo na ría de Pontevedra. Iso é imposible legalmente. E quen avalou ese mantemento foi o PP e Mariano Rajoy. E demostrouse que era ilegal, que eran un agravio con respecto a outras empresas, e puxeron en risco os postos de traballo por non buscar unha localización alternativa".
"Non hai liorta política, é unha cuestión de legalidade. Hai oito fábricas de celulosa en España, e a única que está en terreo marítimo terrestre é esta", asegura Fernández Lores.
"Quen ten as competencias para buscar unha alternativa é a Xunta, que ten todas as de Industria e Ordenación do Territorio", di o alcalde pontevedrés, quen cre que non é responsabilidade súa nin do Concello solucionar o traslado da fábrica. "Esta empresa parece que ten dereito de pernada industrial, e somos outros os que lle temos que arranxar os seus problemas".