Lorenzo Amor: "A derrogación íntegra da reforma laboral é unha traizón ao diálogo social"
Uns 310.000 autónomos prevén cesar a súa actividade económica, segundo o resultado dunha enquisa de ATA.
Lorenzo Amor, presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) e vicepresidente da CEOE, comenta que "practicamente o 62% dos autónomos en España e practicamente o 70% dos autónomos galegos xa se incorporaron á súa actividade nas últimas semanas. Previsiblemente o luns, aqueles territorios que pasen á fase 2 van poder aumentar estas cifras".
Amor sinala que a hostalaría é un dos sectores máis afectados pola pandemia: "Hai moitos hostaleiros que non abriron aínda porque non lles é rendible. Abrir só o 50% da terraza dun local non é rendible para moitos negocios". Sobre o caso concreto de Galicia engade: "Galicia é das comunidades onde un maior número de autónomos se incorporou á actividade ata o de agora".
Derrogación íntegra da reforma laboral
Sobre o pacto da derrogación íntegra da reforma laboral, o presidente da ATA considera que é "unha traición ao diálogo social". E engade: "Hai aproximadamente 15 días estabamos negociando un acordo entre organizacións empresariais e sindicais. Cando onte coñecemos este acordo entre o PSOE, Unidas Podemos e Bildu estabamos nunha mesa de diálogo. Nin sindicatos nin patronais coñeciamos este acordo. Nunha reforma laboral, como sempre dixo o Goberno, debe facerse dunha maneira consensuada. Falar dunha derrogación íntegra é absurdo, contraproducente e xera inseguridade xurídica. Se a nós como organización empresarial nos xera desconfianza, imaxinen os empresarios, imaxinen os traballadores e toda a cidadanía".