CRTVG

Buscar

Lorena Roldán ve un imperativo moral censurar a Torra por acirrar a violentos

Publicado o 07/10/2019 12:31

• JxCat fala de "farsa" e o PSC di que o discurso foi un acto "preelectoral"

A deputada e candidata á Generalitat de Ciudadanos, Lorena  Roldán, considera que é un "imperativo" moral de toda a oposición apoiar a moción de censura contra o presidente catalán, Quim Torra, por "acirrar aos violentos", en referencia aos CDR detidos por presunto terrorismo.

Na súa intervención no Parlamento catalán para presentar o seu programa de Govern alternativo, Roldán chamou ao "espírito do 8 de outubro" de 2017, cando a oposición se uniu contra o executivo secesionista, e pediu ao resto de partidos que apoien a súa moción, unha mensaxe dirixida especialmente ao PSC, que xa anunciou que se absterá.

"Esta moción de censura é unha obriga moral para calquera demócrata e constitucionalista", explicou  Roldán, quen lembrou as palabras do escritor barcelonés Eduardo Mendoza: "A verdade é unhas veces o contrario da mentira e outras do silencio".

"Pénseno ben, deputados, máis aló das siglas (...), aí fóra hai millóns de cidadáns esperando que fagan algo", engadiu.

Para  Roldán, a moción de censura que este luns se debate no Parlamento catalán "é un primeiro paso para unha nova Cataluña".

Sesión suspendida ata esta tarde

A ata de agora voceira de JxCat no Congreso, Laura Borràs, dixo este luns que o debate da moción de censura no Parlament demostra "cal é a esencia do que representa Ciudadanos", que ao seu xuízo non é outra que "a farsa", porque os deputados do grupo laranxa "son uns farsantes".

Así se expresou Borràs en declaracións aos periodistas nos corredores do Parlament tras suspenderse o debate ata esta tarde.

O presidente do grupo de ERC, Sergi Sabrià, afirmou que "o barco de Ciudadanos afúndese, perdendo votos en todas as eleccións, e por isto necesita dar espectáculos", como o de hoxe na moción de censura.

O PSC tachou de "acto preelectoral" o discurso de Roldán, no que os socialistas recibiron apelacións constantes. "Sentímonos moi protagonistas", dixo a voceira de PSC-Units, Eva Granados, "parecía unha moción de censura ao próximo presdiente da Generalitat, Miquel Iceta, máis que unha moción de censura ao presidente Torra", ironizou.

"Esta moción é para recuperar a convivencia e erradicar a violencia, para recuperar a liberdade, para acabar cos  totalitarismos, para traballar para todos os cataláns. E para todo iso hai que apartar ao señor Torra", dixo.

"O que votemos hoxe ten consecuencias. Pídolle a outros grupos que se unan", insistiu.

A presidenta do grupode Catalunya en Comú Podem, Jéssica Albiach, asegurou que Ciudadanos só ofrece "crispación e odio" e por iso, aínda que o Govern "merece" unha moción de censura, o partido laranxa "non é a alternativa" adecuada.

 

Noticias web

07/10/2019