CRTVG

Buscar

Londres pídelles aos barcos británicos que eviten o estreito de Ormuz para afastarse dos gardas iranianos

Publicado o 20/07/2019 17:27
Londres pídelles aos barcos británicos que eviten o estreito de Ormuz para afastarse dos gardas iranianos
A tensión diplomática entre o Reino Unido e Irán agravouse este sábado por mor da detención dun petroleiro británico no estreito de Ormuz, que Londres cualificou de "preocupante", "ilegal" e " desestabilizadora". O petroleiro con bandeira británica " Stena Impero", con 23 tripulantes, foi apresado onte pola tarde en Ormuz por gardas revolucionarios iranianos, semanas despois de que unha embarcación iraniana - o "Grace 1"-, que ao parecer levaba cru a Siria en violación das sancións da Unión Europea (UE) contra ese país, fóra retido en Xibraltar.
As autoridades iranianas acusan ao " Stena Impero" de non respectar as normas de navegación, algo que a súa naviera - Stena Bulk- rexeita. O Reino Unido pediulles aos barcos con bandeira británica que eviten navegar polo estreito de Ormuz durante un "período provisional" a fin de baixar as tensións na zona. O ministro británico de Exteriores, Jeremy Hunt, informou hoxe de que falou co seu colega iraniano, Mohammad Javad Zarif, para expresar a súa "gran decepción" por esta situación e facerlle saber que os barcos que naveguen con bandeira británica serán protexidos. Ademais, o ministerio de Exteriores convocou hoxe ao encargado de negocios de Irán en Londres, Mohsen Omidzamani, como parte dos esforzos diplomáticos do Reino Unido para defender os seus intereses.
O Goberno británico celebrou unha reunión do chamado comité de emerxencia Cobra, formado por diversos ministros, para abordar a situación en Ormuz, tras o apresamento do petroleiro británico, que segue a outros incidentes similares nas últimas semanas con embarcacións que navegan baixo bandeira doutros países. Hunt -aspirante a suceder a próxima semana á primeira ministra británica, Theresa May- manifestou a súa "preocupación" polo incidente e resaltou que Teherán elixiu un "camiño perigoso" co seu comportamento "ilegal e desestabilizador".
O " Stena Impero" perdeu o contacto co seu operador onte pola tarde, despois de recibir o aviso de que varias embarcacións sen identificar e un helicóptero estábanselle achegando. O operador do "Stena Impero" informou de que o petroleiro cumpría "plenamente" con todas as regulacións sobre a navegación internacional cando foi interceptado no estreito de Ormuz. Segundo Stena Bulk, ningún membro da tripulación -rusos, romaneses e filipinos, pero non británicos- resultou ferido. O Stena, de 30.000 toneladas, partira onte desde Emiratos Árabes Unidos e dirixíase a un porto de Arabia Saudita.
O barco da Mariña británica "HMS Montrose", que está preto de Ormuz para protexer a navegación dos seus petroleiros, non chegou onte a tempo para axudar ao " Stena Impero", segundo os medios. En Teherán, a Organización de Portos e Navegación da provincia iraniana de Hormozgan informou este sábado de que o petroleiro británico foi capturado o venres tras chocar cun barco de pesca e atópase no porto de Bandar Abas. Outro petroleiro, o " Mesdar", de bandeira liberiana, foi abordado onte por gardas armados iranianos, pero conseguiu despois poñerse en contacto co seu operador e continuou coa súa viaxe por Ormuz. A naviera Norbulk Shipping UK, con sede en Glasgow (Escocia), comunicou onte á noite que puido restablecer o contacto co barco e que toda a tripulación está ben.
A captura do buque británico anunciada pola Garda Revolucionaria de Irán produciuse despois de que Xibraltar estendese durante varios días máis a detención do "Grace 1". Catro membros da tripulación dese petroleiro, entre eles o capitán, foron detidos, aínda que foron postos en liberdade baixo fianza a pasada semana.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/07/2019