CRTVG

Buscar

Londres esixirá unha PCR negativa aos viaxeiros que cheguen ao país

Publicado o 08/01/2021 14:10

No medio dunha transmisión descontrolada do virus, que mantén o país case paralizado e os hospitais á borde do colapso, chega unha nova norma. A partir da próxima semana, toda persoa que queira viaxar a Inglaterra deberá presentar unha PCR negativa feita dentro das 72 horas anteriores á viaxe. O país atravesa un dos peores momentos desde que comezou a pandemia, batendo marcas de contaxios e de falecementos.

O primeiro ministro, Boris Johnson, xa anunciou que comezará a negociar co resto de territorios do Reino Unido, para que este requisito de entrada se faga estensible. O obxectivo é evitar casos importados cando o país atravesa unha etapa crítica. O alcalde de Londres xa advertiu de que os hospitais están a piques de colapsar, nunha cidade que acada os mil casos por cada cen mil habitantes, e que recibe unhas oito mil chamadas de emerxencia ao día.

"Notouse especialmente neste terceiro que o medo é unha variable moi importante. Aquí en Londres, para que vos fagades unha idea, unha de cada 30 persoas está contaxiada con coronavirus. É dicir, que todos temos nos nosos círculos, xa sexa no laboral ou no persoal, xente contaxiada".

Na última xornada rexistráronse no Reino Unido máis de 56.600 novos infectados por coronavirus e 1.162 falecidos.

A presión hospitalaria segue medrando e na capital e o sur de Inglaterra os pacientes covid ingresados superan nun 30 por cento os rexistrados durante as peores xornadas da primeira onda.

O número de novos contaxios por coronavirus segue aumentando no Reino Unido, onde o total de infectados, desde o inicio da pandemia, achégase aos 3 millóns de persoas. Para evitar os casos importados, o goberno de Boris Johnson anunciou a obrigatoriedade, a partir do luns, de presentar unha PCR negativa para todos os viaxeros que entren a Inglaterra, incluídos os británicos.

Tres colectivos estarán exentos de presentar a PCR negativa: os transportistas, as tripulacións das compañías aéreas e os menores de once anos.

O resto de viaxeiros, incluídos os cidadáns británicos, deberán presentar o test negativo e someterse a un illamento de dez días, que poderán reducir á metade se presentan unha segunda PCR negativa.

Con esta medida, o Goberno de Boris Johnson pretende evitar a chegada de casos importados de covid-19. As viaxes ao Reino Unido desde o resto do mundo están practicamente paralizadas desde que a semana pasada entrou en vigor un terceiro confinamento máis severo en todo o país.

Noticias web

08/01/2021