CRTVG

Buscar

Prisión sen fianza para o autor confeso do triplo crime machista de Valga

Publicado o 17/09/2019 21:16

O autor confeso do triplo crime de Valga chegaba á prisión custodiado pola Garda Civil. Trasladárono directamente dende os xulgados de Caldas. Alí compareceu durante uns minutos ante a xuíza que instrúe o caso, pero negouse a declarar. A maxistrada investígao por tres delitos de asasinato, o que podería custarlle unha pena de prisión permanente revisable.

Eran as once menos cuarto da mañá cando o autor confeso do triple asasinato de Valga chegaba aos xulgados de Caldas. Ás portas do edificio, ducias de persoas recibírono aos berros de asasino.

Jose Luis Abet chegou nun coche camuflado acompañado de tres gardas civís. Levaba a cara descuberta. Fixo a entrada nos xulgados rodeado dunha gran expectación mediática e ante unha concorrencia indignada.

Abet compareceu ante a instrutora do caso no xulgado número dous, especializado en violencia de xénero. Estivo dentro apenas 15 minutos. Pero non chegou a declarar. Dixo que non estaba en condicións. Despois do trámite, a maxistrada ordenou para el prisión provisional, comunicada e sen fianza. Acúsao de tres delitos de asasinato.

Antes del declararon varias testemuñas. Entre elas, os veciños que se fixeron cargo dos fillos da parella. Os cativos, de 4 e 7 anos, pasarán este mércores un recoñecemento. Despois, o xulgado deberá decidir sobre a súa patria potestade.

Mentres tanto, continúa a investigación. A Garda Civil recuperou do Tambre o revólver que se usou para cometer os tres asasinatos e tamén abundante munición. Era unha arma nova para a que non tiña licenza.

Os axentes queren, ademais, determinar todos os movementos que fixo Abet antes de cometer os crimes. Con estes datos e cos resultados das autopsias, a investigación quedará pechada.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019