Tras tres aprazamentos, hai xuízo polo caso Titán: 21 detidos e 1.700 quilos de cocaína
Finalmente o número de acusados reduciuse a 19 debido ás condicións de saúde dun deles para quen se arquivou a causa. A cifra inicial era de 21, pero un dos principais imputados, do que se pensaba fora un dos coordinadores do operativo dos narcotraficantes, faleceu recentemente.
O caso procedente do xulgado de Instrución Número 4 de Vigo xa levaba tres suspensións motivadas polas peticións dos avogados das defensas que pediron a nulidade da investigación por supostamente non existir autorización para abordar o remolcador en que se acharon 1.700 quilos de cocaína cunha pureza do 85 %. Este luns mesmo houbo un último intento de pedir unha nova suspensión alegando un recurso de casación ante o Tribunal Supremo pero foi rexeitado.
O Titán 3 foi apresado en agosto de 2018 e dende entón os avogados defensores instaron á nulidade das actuacións na instrución. Alegaron contra as escoitas telefónicas, os rexistros domiciliarios ou as declaracións en sede xudicial, pero sobre todo contra a xurisdición e a suposta autorización ilegal para abordar aquel barco.
Para os 19 acusados agora mesmo a Fiscalía solicita penas de entre 9 e 13 anos de cadea. Nos primeiros momentos da investigación existiron indicios de que Manuel Charlín e un dos seus fillos estivesen implicados, pero posteriormente na instrución arquivouse a causa contra eles. O xuízo está previsto que continúe polo menos ata a semana que vén.