CRTVG

Buscar

Localizan unha mochila con 10 quilos de cocaína nunha furgoneta en San Cibrao das Viñas

Publicado o 15/11/2019 13:51

Nun control rutineiro, a Garda Civil logrou deter un home que viaxaba con máis de dous millóns de euros en droga. O control levouse a cabo na autovía das Rías Baixas, ao seu paso polo concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Os axentes déronlle o alto a un vehículo e ao ver que o condutor se poñía moi nervioso comezaron a examinalo a el e ao vehículo. Atoparon unha mochila. Dentro 10 paquetes de cocaína dun quilo cada un. Unhas 100.000 doses. No mercado terían un valor de preto de dous millóns e medio de euros.

"Parouse unha furgoneta. Cando se identificou o condutor, mostrou nerviosismo. Nunha primeira inspección localizáronselle na carteira uns gramos de cocaína e entón fíxose unha inspección na parte de atrás do furgón, que era un furgón de carpinteiría de Madrid, e atopouse unha mochila con dez quilos de cocaína", explicou Sonia Salgado, voceira da Garda Civil de Ourense.

O home ten 41 anos e é natural de Madrid. Quedou detido por un delito de tráfico de drogas. Está previsto que nas vindeiras horas pase a disposición xudicial. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/11/2019