CRTVG

Buscar

Localizan unha machada de bronce do século III a. C. no castro de Viladonga

Publicado o 14/07/2020 16:57

As escavacións no castro de Viladonga non deixan de sorprender. Nos actuais traballos en marcha apareceron importantes achados. O máis curioso na parte baixa deste alxibe onde localizaron esta machada votiva de bronce, unha peza decorativa que se estima que data do sécullo III antes de Cristo.

"É singular porque é unha peza escasa, soamente hai cinco en Galicia, e apareceu contextualizada. Unha peza de bronce asociada a rituais sacrificais".

"Leva os elementos comúns como é o propio machado co torques encima e logo represéntase unha escena sobre taurilia asociada a un rito sacrifical de purificación da terra, hai un bóvido, un suído e un ovicáprido".

Preto da machada apareceu esta fíbula de bronce e ferro, pero ademais de obxectos destacan os achados construtivos como esta fiestra ou estas escaleiras na muralla que dan información do sistema de urbanización castrexo.

"Estanse recuperando niveis sobreescavados e perdidos no castro. Sempre se pensaba que se centrara nunha etapa tardía, pero non, estamos vendo ata tres niveis de ocupación dende o mundo prerromano ata a época tardía".

Entre os achados destaca tamén material orgánico como carbóns e restos óseos que achegarán información sobre a alimentación da época. Pero a cousa non acaba aquí, aínda queda campaña por diante e neste punto cargado de historia de seguro que aparecen novos e curiosos achados.

Noticias web

14/07/2020