Localizan o septuaxenario desaparecido en Monterrei
Publicado o 29/06/2020 03:19

Atoparon en bo estado o veciño do concello ourensán de Monterrei, da parroquia de Santa María de Medeiros, do que nada se sabía desde primeira hora da pasada tarde. Ao parecer, deron con el non lonxe da súa casa.
Foi unha irmá a que alertou da desaparición cando o home, de 70 anos e cunha discapacidade intelectual, non volveu comer tras saír a dar un paseo.
Na súa busca participou un amplo dispositivo de efectivos da Garda Civil e de distintas agrupacións de Protección Civil da comarca e axentes forestais; tamén se usaron drons da Axencia Galega de Emerxencias.
O home xa protagonizara un episodio semellante hai un par de anos.