CRTVG

Buscar

Localizan o corpo sen vida dun home de 70 anos aboiando no porto de Vilanova de Arousa

Publicado o 28/01/2020 09:49

A Garda Civil investiga a morte dun veciño de Vilanova de Arousa. Apareceu aboiando no peirao de Corón esta mañanciña. Atopárono dous axentes que estaban a patrullar, despois de que a familia alertara da súa desaparición. O home era moi coñecido na vila, xa que fora o director da banda de música.

Dende había uns días viña a achicar a auga da Xeitosiña, unha chalana que volvera usar e coa que tiña pensado saír de pesca. Estivera reparando nela coa idea de recuperar o seu gusto polo mar, un oficio que deixara había anos, xa que fora rañeiro en Vilaxoán.

"Víñalle achicar a auga á gamela que lle collía un pouco de auga. O sábado baixeilla eu para baixo no remolque. El viña pescar? Non, non ultimamente non. Ía a empezar a pescar agora. Pero de momento non. Suso botou a barca esta abaixo hai uns días e como lle metía auga viña achicar a auga. E onte era un día pois malo para iso. Como estaba o día de onte? O día de onte estaba moi malo, había moito vento e chovendo. Seguramente esvararía baixando para a gamela. suponse vaia!"

O máis probable é que este home, duns 70 anos, sufrise un accidente cando tentou baixar ao bote polas pedras. A familia avisou de que non chegara á casa e a Garda Civil emitiu unha alerta para localizalo. Suso era moi coñecido e moi querido na vila. Aquí xeracións de músicos aprenderon con el e din que levou a banda de Vilanova por toda España.

Foi o director da banda de música, ensinou a todos os rapaces que había en Corón a tocar música e máis foi director da banda de Vilanova de Arousa. El antes traballaba de mariñeiro, e era director da banda de Corón, andaba cos rapaces e iso. E era moi coñecido.

Salvamento Marítimo rescatou o corpo, trasladárono ao porto de Vilanova e de alí levárono ao Hospital Álvaro Cunqueiro onde lle van facer a autopsia. O resultado será clave para saber o que realmente aconteceu.